Minería romana no Xeoparque das montañas do Courel

Vista superior da mina da Toca

O terceiro dos procedementos podería superar os traballos dos xigantes. Os montes perfóranse mediante galerías escavadas a través de grandes distancias á luz de candís… e durante moitos meses non se ve a luz do día. As minas deste tipo chámanse arrugias e nelas ábrense fendas de súpeto, e os derrubes esmagan aos traballadores, así que parece menos arriscado sacar do fondo do mar as perlas e as ostras»

«A Montaña cae esmiuzada por si mesma cun prolongado estrondo, tal que a mente humana non é quen de concibilo, á vez que un golpe de aire incríbel».

Piscina Banzado dos Castros

Deste xeito tan expresivo describía Plinio o Vello, no século I d.C., as durísimas condicións ás que estaban sometidos os traballadores libres do Imperio Romano para extraer o ouro dos montes. Meses enteiros escavando escuras galerías á luz das lucernas, construíndo centos de quilómetros de canles para levar auga ás minas, ou cavando piscinas de almacenamento nas súas cabeceiras, para, ao final, rematar metidos na lama conducindo as terras dos montes vencidos cara as canles de lavado, as agogas.

Montefurado

Nas máis de 100 explotacións mineiras de época romana das «Montañas do Courel», temos documentados practicamente todos os sistemas de explotación empregados por Roma para extraer o ouro da terra, así como abundantes mostras das infraestruturas necesarias para desenvolver a actividade, xacementos primarios con impresionantes baleirados na rocha dura, e barrentas minas secundarias que nos volven traer a imaxe de ríos como o Sil ou o Lor, vermellos pola lama. Millóns de toneladas de terra movidas modificaron a paisaxe de tal xeito que, na superficie achaiada resultante das minas, se construíron moitas das aldeas da comarca.

Corta de Margaride

Ofrecémosche a nosa dilatada experiencia no coñecemento do Courel, da súa natureza, xeoloxía e arqueoloxía, para amosarche, e explicar, todos os procesos que orixinaron esta paisaxe mineira, a paisaxe cultural do Courel, dunha xeoloxía ao servizo da humanidade desde o mesmo comezo desta. Rutas dirixidas e interpretadas por guías de montaña e arqueólogos expertos, nunha das paisaxes máis lindas de Galicia. Escolle a túa segundo o teu interese!!!

Galería en Margaride
Interior dunha galería
Canle da mina de Sequeiros